Xa me daba a min o corpo que este era un país de vellos, especialmente no que atinxe ó compromiso social e á xenreira que nos tería que encher a tempa cando os listos de enriba mexan por nós dicindo que chove. Os novos, hai que declaralo aínda que dé noxo de nós mesmos, preferimos xurar que orballa agüita amarilla antes que empuñar unha fouce para chapodar tanta mala herba.
Por exemplo, onde estaban onte, 21 de xullo, día da Manifestación dos Parados, eses cinco millóns de sufridos españois que xa padecen en carne propia os  recortes económicos dos ladróns neoliberais do goberno? Porque á Porta do Sol en Madrid chegaron só tres mil según a policía,  ou ponlle cinco mil, a dicir dos indignados… Daquela, é que estaban na praia os parados??? Ou onde carallo andaban aqueles que non teñen coartada algunha para non estar onde clamaba a xustiza que estiveran?  Pois, se non podían ir a Madrid _que eu non digo que non haiba outras obrigas diarias familiares, ou sociais, ou mesmo personais_ por que  non saíron á rúa, aínda que fora  diante de calqueira banco da esquina, a bater cazolas para se solidarizaren co balbordo  dos amoreados na capital? Non o entendo e non o entendo. A queixa era por eles, e, claro, de rebote por nós, que imos todos camiño do paro, pero neste intre os protagonistas eran eles, personas activas desgraciadamente desposuidas de salarios, horarios e obrigas laborais… Eles… I eles non foron, agás honrosas excepcións.  Unha mágoa.
Por contra, onte mesmo en Compostela sí que estaban a petar, e ben forte e frondoso, nos socalcos da catedral, outras vítimas da voracidade bancaria, esta vez maioritariamente xubilados ós que non lles quitaron o futuro, coma ós parados, senon o seu pasado, os aforros: os estafados nas participacións preferentes levan meses berrando, e aínda lles quedan folgos, inxenio i enerxía_ ós de Cangas, polo menos_ para representar cando poden unha peza de teatro onde os afectados tiran o director da sucursal ó mar en castigo ás artimañas empregadas. E tamén onte lle daban con enérxica paixón, disque, unha parella de septuaxenarios pillados in fraganti acto amatorio no Paseo de Cee, a pleno sol. Alí os pillaron as gañas, e punto.
Vivan os vellos, coño, porque os novos, coa nosa abulia, temos o que merecemos. Non queda mais que recoñecelo: eles sálvannos a honra, e nós só poñemos o cu. Non aprendemos nada deles, tampouco somos dignos de chamarnos os seus netos.
 Vellos ideólogos como Stéphane Hessel (o francés de Indignádevos!) e  Jose Luis Sampedro, ámbolos dous nonaxenarios a piques de cumprir un século de vida, firmaron os manifestos que fixeron estoupar a marea de indignación deste país.  
Da fortaleza de espírito dos vellos analfabetos enganados por Novagalicia Banco xa dixemos antes que hai que quitarlles o sombreiro ó seu paso; así como tamén hai que darlles mil grazas ós nosos xubilados porque ca súa exigua pensión _especialmente en Galiza_ están a manter a moitos fillos que van quedando no paro.
E por falar de vellos perpetuados e inesgotábeis ós que deberiamos ter tomado o relevo hai tempo por unha pura razón evolución e de saneamento tanto de ideas, xeitos ou opcións políticas non viciadas, Beiras ou o propio Rubalcaba deberían facer mutis xa.
En fin, si disque ata vai volver Anguita á política… Con toda a súa coherencia vehemente, sí, mais tamén cun infarto e setenta anos ó lombo… Por favor, somos ou non una sociedade momificada?