Buscar este blog

sábado, 17 de diciembre de 2011

Semente de ameixa, unha idea de negocio


Un domingo deste mes quedei parva lendo unha nova do xornal. Resulta que unha empresa de Rianxo, chamada  Proameixa Fernández (Proafer), que vaise adicar a cultivar este bivalvo a flote, coma o mexillón, pero nunha batea especial en augas da Pobra do Caramiñal, ten que mercar a semente de ameixa en Santander, en Italia ou Francia porque aquí, en Galicia, simplemente non hai recurso suficiente que a abasteza. O representante desta empresa laiábase disto, mais eu flipaba sorprendida. De verdade non queda ameixa nas praias galegas? E si non hai, por que a ninguén se lle ocorre criar semente para venderlla a esta xente ou a outra do sector, que a engorde no mar ou na area? Non será este un negocio pouco explotado e ben rendible _co prezo ó que vai a ameixa_ que saque a algunha persoa das ringleiras do paro e axude a recuperar a nosa diversidade?
E seguín lendo cousas sobre o tema. 
Xa fai mais de dez anos que comezou a escasear a semente autóctona, é dicir, a ameixa fina ou a babosa, e recurriuse á xapónica, que é italiana, barata e de produción mais rápida, aínda que tamén de peor calidade. De feito, segundo datos da Consellería do Mar, a produción de babosa _que é a mais interesante comercialmente_ pasou de 2.700 toneladas en 1998 a 1.200 no 2010, aínda que o peor ano foi 2006 con só 821 toneladas. E, por que? Porque téñense esquilmado os bancos naturais, ou contaminado o entorno natural onde se crían, ou porque _como opina a investigadora Ana Cerviño que rematou fai pouco unha tese doutoral sobre o cultivo optimizado de babosa_ as chuvias torrenciais teñen modificado a salinidade da auga nas rías en anos concretos e aumentado a súa mortalidade. 
Deste xeito, ano tras ano, cando as mariscadoras quixeron sementar ameixa nos parques cada comezo de campaña, a inmensa maioría tiveron que mercar xapónica, pois a pouca babosa que había, ía sempre carísima. A diferencia, por exemplo, en datas de 2001 establecíase entre a peseta que custaba cada unidade de babosa, contra as 400 pesetas o quilo que custaba a xapónica. Isto trouxo como evidente resultado a diminución do producto autóctono.
Mais si _matinaba eu_, como di a tamén traballadora do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), Ana Cerviño, a ameixa babosa desova durante moito mais tempo, críase en só 18 meses tanto en criadeiro coma no medio natural, e págase por ela de media entre 12 e 15 euros o quilo, a algún galego seguro que se lle tivo que ocorrer este negocio. I efectivamente, así foi, había unha soa empresa, Inprocar de Carril, a única de cría integral de ameixa autóctona, mais en agosto publicaba na prensa que se vía abocada ó peche debido á contaminación producida por outras empresas veciñas tamén situadas nun espazo marítimo protexido pola Rede Natura 2000 que é A Graña, en Ribeira. Ó parecer, Barrañamar é un cocedoiro de mexillón que contamina impunemente a auga circundante porque o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, que é quen se encarga de vixiar os verquidos, resulta que tamén foi xerente da tal Barrañamar. Aínda mais, Inprocar e os parquistas (cultivadores do parque de bivalvos) de Carril denuncian que o mesmo cargo, en vez de multar á empresa contaminante, obrigou á productora de ameixa a pagarse unha protección anticontaminante e por riba terciou nun veto a un crédito do Igape para dotarse desta.
A estas alturas pensaba eu: será mala sorte o desta empresa ou será que hai unha man negra detrás do negocio das ameixas por escuros motivos económicos? Polo visto, tamén existe un grande silencio entres os mariscadores sobre donde e a que empresas lle mercan a semente de bivalvos, pois ó dicir do presidente do pósito arousán, «non convén dicilas, porque así poden ir mais a comprar alí». E, claro, fun mirar que empresa de Santander cría cunchas, e atopeime con Tinamenor, no pobo de Pesués, que produce 150 millóns de unidades de semente de moluscos bivalvos anuais con só tres persoas empregadas neste departamento, e que con esas cifras é a principal firma europea en ameixa fina e xapónica; repito, europea. Disque hai outras, pero adícanse a criar para auto abastecemento, segundo Juan Cigarría Álvarez, biólogo e director da sección dos moluscos. Despois están os provedores Satmar en Francia, que vende ostra xaponesa, e SeaSalter en Inglaterra, adicada a ameixa e ostra. Só tres. E seguín flipando. Son moi poucas empresas, entendo que o mercado non pode saturarse, pero son só tres. De feito, o biólogo confirmou estes pensamentos afirmando que a demanda excede a oferta nacional porque a semente italiana está fallando por problemas en orixe, e porque cada vez mais xente estase adicando a engordar moluscos debido ó incremento dos prezos nos últimos anos, de 3 a 16 euros quilo nun lustro, por exemplo. Disque agora están anomalamente altos, pero seguramente que se estabilizarán en torno, mais ou menos, ós 9 euros quilo.
En resumidas contas, a cría de semente de ameixas non será a panacea que resolva o paro, mais ó mellor algo pode palialo. Iso si, sempre que loitemos contra a contaminación que mata as ameixas e tamén a nós, mais contra a toxicidade dalgúns políticos e cargos públicos. 
Daquela, si hai mercado, si hai prezos en alza, si precisa pouca inversión e, ademais, si a propia Tinamenor asesora ós criadeiros interesados no correo moluscos@tinamenor.es, por que non animarse?

No hay comentarios:

Publicar un comentario