Buscar este blog

lunes, 20 de julio de 2015

Onde manda patrón non manda concelleiro

Gostaría de verlle a cara que se lle quedou ao altivo ex alcalde Anido cando o patrón de A Tenencia o botou do seu barco, a última nave chegada este ano ao porto de Sada e, polo tanto, a encargada de sacar a efixie da virxe na procesión do Carme. 
Gostaría porque ese feo institucional o ten ben merecido calquer primeiro edil que non apoie aos seus veciños e administrados cando sufren un conflito, e despois, coma si nada, queira participar dos vítores da festa e da foto cal verdadeiro servidor público. 
Anido abandonou a moitos na cuneta á súa sorte. Por exemplo, a eses mariñeiros do cerco que todos puidemos ver nos xornais e na televisión aguantando malleiras de paus da policía cando protestaban polas cotas de capturas frente ao Parlamento de Galicia. E agora nos enteramos de que ao susodito patrón, en concreto, chegou a botalo do seu despacho, un despacho público pagado por tódolos sadenses. 
Non tivo Anido millor proceder coas quince traballadoras que a empresa concesionaria de axuda a domicilio non quería subrogar da anterior entidade. Tras varios meses sen cobrar, chantaron as tendas de campaña diante do concello e pedíronlle ao alcalde que aplicara a lei para esixirlle á nova firma as contratacións. El non o quixo facer i elas tiveron que ir a xuicio e desesperar ata que a xusticia lles deu a razón.
E noutro sonado caso, Anido igualmente deixou de lado aos empregados do Hotel Sada Marina cando nos últimos días de incerteza laboral acudían desesperados aos seus postos de traballo nun edificio xa sin luz, sin auga e sin un alcalde comprometido que os fora ver motu propio. Eso si, concedía entrevistas a eito dicindo á prensa que estaba "moi preocupado". Non matinou o rexedor daquela, non, cando aínda os empregados estaban vinculados ao hotel, o tan cacarexado rescate da concesión administrativa por 750.000 euros que agora si enarbola aos catro ventos coma solución de tódolos males económicos de Sada. Por que daquela non e agora si, señor Rescatador?
Hai moito lavado no mundo —dicía miña avoa—, moito Pilatos que frota as mans con auga e mira cara outro lado. I era certo.
Por iso cando escoito que o patrón de A Tenencia non debeu facerlle o feo xusto ese día de romería, penso que foi ese o día no que o outro se lle presentou na borda. E cando oio argumentar que debeu rexeitar levar a virxe para non ter que apandar de rebote con ese pasaxe que non desexaba, contesto que por que un mariñeiro, fillo de mariñeiros, que mamou dende o berce a tradición da patrona protectora do Carme, ten que perder a oportunidade de bendecir o seu barco, que é o seu medio de vida, mais que tamén pode ser —non se esqueza—o seu medio de morte e o da súa tripulación.
Non houbo quen de convencelo, a Manolo Presas, nin o novo alcalde que foi intermediar no asunto, nin ninguén, porque era xusto cumprir as leis do mar, que coido non son moi diferentes aquí ou nas terras do Mandeo, e Anido ben debería sabelo: o patrón manda no seu barco. E onde hai patrón non manda concelleiro, así que, a terra.


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada