Buscar este blog

domingo, 6 de enero de 2013

Prohíbeselle ós probes comer percebes

Xa me dera moito noxo cando lin que os concelleiros gobernantes de Sada, o concello no que vivo, publicaran a bombo e platiño que ían destinar as súas pagas extra a axudar ás familias probes. Porque a un doador verdadeiramente xeneroso presupónselle a discrección e o anonimato, non a fachenda de se autolouvar colectivamente decidindo no pleno e ante os medios de comunicación que van ceder eses cartos. O equipo do alcalde Anido quixo facer caridade ante a galería (a solidaridade é outra cousa) mentres nese mesmo pleno reducíanse axudas no fogar para colectivos desfavorecidos, que son os verdadeiros dereitos dos sadenses e non dependen da vontade veleidosa dos supostos benfeitores que nos gobernan. Mais cando voltei ler na prensa antonte que os moi interesados concelleiros foron quen de axexar cómo as familias beneficiadas gastaban eses cartos, i espantábanse de que os pícaros probes mercaran percebes, entón as miñas tripas non aturaron mais.
Dónde quedou, Anido, aquelo tan navideño de "fai o ben sen mirares a quen" e, sobre todo, sen che importare cómo desfruta dese ben? Se querías doarlles os cartos, dérasllelos privadamente e seguiras tomando unha copa no Chiringuito con Negreira, o teu colega, que seguro que tamén tería moitas tenras e lacrimóxenas historias de Nadal con final feliz. Pero, non, aínda fas escarnio público dunha familia por querer, coma ti, darlles marisco por unha vez na vida ós seus. E que os probes teñen que comer, porque ti o queiras, mojama con coliflor ou nabos cocidos como na época de Franco? Tes ínfulas de Chicote e queres facer os menús, ou qué? Pero todos sabemos que o que vos fode ós da dereitona e que non vos biquen a man, senon que se rían de vos. Porque para bicar a man haise que agachar, mentres que a risa nos iguala a todos.
Bo proveito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario