Buscar este blog

miércoles, 7 de diciembre de 2011

Independente i en paz


Esta é so unha páxina de opinión. Non pertenzo nin falo en nome de ninguén mais ca de min mesma, Xabelia, por iso son libre de dicir o que me pete, sempre con respecto ós demais. Tamén para querer para Galicia unha independencia natural, reflectida, e pretendida politicamente con tódalas ferramentas de que dispón a intelixencia para emprender un desexo. Salvo a violencia. Por iso considérome independentista, coma outras moitas persoas que pululamos polo país galego, aínda que os medios nos obvien salvo detencións realizadas, e pensamos que mellor nos iría auto gobernándonos. En definitiva, como calquera fillo que quere marchar da casa dos seus pais e recebe destes consello, apoio, un algo de tristura, mais sempre unha man aberta que lle recorda que ese importante paso é sinxelamente lei de vida. Se un fillo quere, ninguén aprobaría que o pai o obrigase a quedar na casa; e se non quere, que esa vida lle chegue a netos, como di miña nai.
Mais ou menos é como eu entendo eu o nacionalismo, coma un sentimento de amor e consideración polo propio, que despois pode ter expresións políticas e siglas distintas con matices diversos, mais non a costa de aborrecer a ninguén; todo o contrario: a diferencia sempre é riqueza, mais é diferencia, e que viva.
Con todo este balbordo das detencións de galegos presuntamente implicados en atentados, só me gostaría lembrar que, efectivamente, a xustiza ten o deber de investigar, mais cumprindo tódolos protocolos legais (gravación de interrogatorios, asistencia médica e aviso ós parentes) dos detidos que, mentres non se demostre o contrario, insisto, son inocentes. E que os medios de comunicación, antes que informar de rumores ou disquedís, teñen a obriga de contrastar a información falando cas partes implicadas, e si algunha destas non quere falar, respectar esta negativa, pechar o micro mais a cámara, e non amosala en imaxes como exemplo dun prexuízo. Estou bastante farta de programas onde se pretende facer xustiza televisiva no canto de esixir que a Xustiza de verdade funcione ben e rápido; e dáme moito noxo como xornalista ver imaxes como as da TVG dos pais dun dos detidos que non querían ser gravados. Dereito a dicir non. Vos soa isto de algo? Por outra banda, tampouco me parece ben a actitude de Ceivar convocando unha rolda de prensa na que se nega a responder preguntas e veta a entrada ó xornalista do canle público antes comentado. Se temes que terxiversen as túas ideas, emite un comunicado e listo.
En fin, que unicamente gostaríame pedir respecto para todo o mundo que se saiba comportar, respecto para todas as ideas que se saiban sustentar en argumentacións non violentas, respecto para os cidadáns que son ninguneados pola prensa cando fan manifestacións físicas ou culturais ou sociais _só Diario de Ferrol dentro dos medios coruñeses en papel sacan a nova da marcha independentista convocada por Causa Galiza do día 6 de decembro na cidade departamental_ e respecto para o independentismo pacífico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario